O Programa de Retención de Talento da Universidade de Vigo permitirá este ano darlle continuidade na institución académica viguesa a catro investigadoras e dous investigadores María Zambrano, “seis persoas que demostraron ter un nivel investigador excelente e que grazas a esta iniciativa poderán continuar nos seus grupos esa traxectoria”, tal e como destaca a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, quen defende a continuidade dun programa que poucas universidades españolas conservan pero que, ao seu modo de ver, permite dar continuidade ao persoal investigador doutor ata acceder a programas máis competitivos como o Ramón Cajal ou a propia estabilización definitiva na Universidade.
Daniel Hermida, do Departamento de Física Aplicada, desenvolveu a meirande parte da súa carreira investigadora no estranxeiro e, máis concretamente, no Laboratorio Europeo de Radiación Sincrotrón, máis coñecido como ESRF, un centro de investigación multinacional situado en Grenoble, Francia, que conta cun sincrotrón de electróns exclusivamente dedicado á produción e utilización de luz sincrotrón con fins científicos. “O novo contrato permíteme axustar o meu CV ao sistema universitario español xa que, tras rematar a titulación na Universidade de Vigo realicei o doutoramento, posdoutoramento, etc. no estranxeiro”, indica Hermida.